Formación: Liderar persoas, construír equipos
O pasado 23 de outubro, AJE Ferrolterra organizou nas instalacións de COFER unha xornada formativa centrada no desenvolvemento das habilidades de liderado, a comunicación e a xestión de equipos, impartida por Ricardo Riveiro Álvarez, profesional especializado en liderado, coaching, negociación e desenvolvemento de equipos.
A formación, cun enfoque práctico e participativo, estivo dirixida tanto a persoas que lideran equipos como a profesionais autónomos e emprendedores interesados en mellorar as súas habilidades interpersoais e fortalecer as relacións cos seus equipos e clientes.
Ao longo das catro horas de duración, as persoas participantes traballaron diferentes aspectos fundamentais para unha xestión eficaz das relacións profesionais, entre eles o autocoñecemento e os estilos de liderado, a empatía, a xestión de conflitos, a motivación das persoas, a delegación de tarefas e a organización de reunións eficientes.
A xornada combinou explicacións teóricas con exemplos do ámbito profesional e ferramentas prácticas de aplicación inmediata.
Dende AJE Ferrolterra seguimos apostando pola formación como ferramenta clave para impulsar o desenvolvemento profesional, fortalecer as competencias empresariais e contribuír á mellora da competitividade.