FORO: Máis alá dos likes: como traballar as redes sociais do teu negocio con estratexia
O pasado 26 de outubro, AJE Ferrolterra celebrou na sede de COFER o foro «Máis alá dos likes: como traballar as redes sociais do teu negocio con estratexia», unha xornada dirixida a persoas emprendedoras, autónomos e empresas interesadas en mellorar a súa presenza dixital e sacar un maior rendemento das súas redes sociais.
O encontro contou coa participación de Nerea Armendáriz, directora de Onda Viral e creadora de contido en @lamorrofino, que compartiu coas persoas asistentes coñecementos, ferramentas e exemplos prácticos para abordar a comunicación dixital dos seus negocios desde unha perspectiva máis estratéxica.
Ao longo do foro abordáronse cuestións fundamentais como a definición de obxectivos, a identificación do público, a planificación das publicacións, a creación de contidos e a elaboración de vídeos para redes sociais. Tamén se afondou na importancia de interpretar correctamente as métricas para identificar que contidos funcionan e avaliar os resultados das accións realizadas.
Ademais, dedicouse un espazo ao uso da intelixencia artificial como ferramenta de apoio na creación de ideas, preparación de guións e organización do traballo, destacando a importancia de aproveitar as súas posibilidades sen perder a personalidade e identidade propia de cada marca.
Con esta iniciativa, AJE Ferrolterra continúa apostando pola formación e o intercambio de coñecementos como ferramentas para impulsar a competitividade empresarial e acompañar as persoas emprendedoras na adaptación aos novos retos da contorna dixital.
Porque estar nas redes sociais non abonda: é fundamental saber que comunicar, a quen dirixirse e con que obxectivo.