FORO: Emprender en calma

FORO: Emprender en calma

O pasado 30 de outubro, AJE Ferrolterra organizou no Hotel Attica21 Spa de Vilalba o foro «Emprender en calma», un encontro dirixido a persoas emprendedoras, profesionais autónomos e empresarios/as, co obxectivo de abordar a importancia do benestar persoal na xestión dos proxectos empresariais.

A xornada estivo dirixida por Lucía Armada, fundadora de Mouna Yoga, quen acompañou as persoas participantes nunha experiencia práctica centrada na xestión do estrés, a regulación emocional e a recuperación do equilibrio persoal no ámbito profesional.

Durante a primeira parte do encontro traballáronse diferentes ferramentas de benestar, como técnicas de respiración consciente, relaxación, meditación e estiramentos inspirados no ioga, orientadas a liberar tensións, mellorar a concentración e afrontar con maior serenidade as situacións de presión e incerteza propias do emprendemento.

A continuación, desenvolveuse un espazo de intercambio de experiencias no que as persoas asistentes puideron compartir vivencias, reflexionar sobre os retos emocionais asociados á actividade empresarial e coñecer outras perspectivas sobre a xestión do estrés e a toma de decisións.

A xornada completouse cunha experiencia de networking no circuíto termal do hotel, que permitiu prolongar o encontro nun ambiente distendido, favorecendo a creación de novas conexións profesionais, o intercambio de ideas e a identificación de posibles oportunidades de colaboración.

Con esta iniciativa, AJE Ferrolterra quixo poñer o foco nun aspecto fundamental do desenvolvemento empresarial: o coidado das persoas que están detrás dos proxectos. Porque emprender tamén implica aprender a xestionar a presión, manter o equilibrio persoal e construír relacións profesionais desde o benestar.

Ir al contenido