Programa Adiante. Formación: Liderar persoas, dirixir equipos (II)
O pasado venres, 20 de novembro, celebramos a segunda sesión da formación «Liderar persoas, dirixir equipos (II)», organizada por AJE Ferrolterra no marco do Programa Adiante, en colaboración co Concello de Ferrol, e impartida por Ricardo Riveiro Álvarez.
Nesta segunda xornada demos continuidade aos contidos traballados na primeira sesión, afondando en ferramentas prácticas para mellorar a comunicación interna, optimizar o tempo de traballo e xestionar de maneira eficaz os conflitos que poden xurdir no día a día dunha empresa.
Ao longo da formación traballamos a comunicación asertiva e a linguaxe positiva, o deseño de reunións produtivas e a xestión de conversas difíciles a través do modelo DESC. Tamén abordamos a identificación das causas dos conflitos, a diferenciación entre problemas de relación e de organización e a aplicación de técnicas de mediación e negociación baseadas no modelo de Harvard.
Unha xornada moi práctica na que as persoas participantes puideron adquirir novas ferramentas para afrontar situacións complexas, mellorar as relacións dentro dos seus equipos e construír contornas de traballo máis saudables e eficientes.
Grazas a Ricardo pola súa implicación e a todas as persoas asistentes por participar e compartir as súas experiencias!
Dende AJE Ferrolterra seguimos apostando pola formación práctica e participativa para impulsar o liderado e mellorar a xestión das nosas empresas.