As persoas asistentes que acudiron o pasado 17 de abril ás instalacións de Pickle Point Ferrol viviron unha experiencia tan gratificante como inesperada, xa que a maioría non coñecía este deporte.
A actividade, que se desenvolveu de 15:00 a 19:30, pasou voando ao ritmo das raquetas. Durante ese tempo aprendemos as normas, a dinámica do xogo e tamén tivemos ocasión de coñecer algo da súa historia. Cómpre destacar que este centro deportivo é pioneiro na introdución do pickleball na zona, ademais de contar cunhas instalacións de gran calidade e uns anfitrións de dez.
Ao longo da xornada xuntáronse empresarios e emprendedores que compartimos pista, aprendizaxe e moita diversión. Os partidos foron dinámicos e intensos, con algún que outro pique entre participantes que engadiu aínda máis emoción á experiencia.
Ao remate, gozamos dun espazo de networking acompañado dunha merenda saudable da man do catering Albahaca, no que, tras romper o xeo na pista, se propiciaron sinerxías entre as persoas asistentes, facilitando conversas máis naturais e conexións profesionais nun ambiente distendido.
En definitiva, non puido saír mellor.
Animámoste a probar este deporte e a participar nos diferentes networking que organizamos desde AJE Ferrolterra!