XI Edición Premios Ferrolterra Emprende
O Castelo de San Felipe acolleu a XI edición dos Premios Ferrolterra Emprende, unha cita anual organizada por AJE Ferrolterra que reuniu arredor dun cento de persoas para recoñecer o talento, a innovación e o compromiso do tecido empresarial de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

A gala converteuse nun punto de encontro para o emprendemento da comarca, distinguindo iniciativas que destacan pola súa capacidade innovadora, a súa contribución social e o seu papel no desenvolvemento económico do territorio. Ademais, a celebración contou cun elemento singular: a mítica lancha de Mugardos, que estivo a disposición da organización para facilitar o transporte dos asistentes ata o enclave da celebración.
Nesta undécima edición entregáronse catro galardóns. Na categoría de Iniciativa Social, a premiada foi Amanda Silva, polo proxecto Volver a habitar la vida. O recoñecemento á Traxectoria Empresarial recaeu en Alberto Niceto, de AN STRATO, mentres que Asun Moreno, co centro Box Lady, foi distinguida na modalidade de Iniciativa Emprendedora. Pola súa banda, o premio a Xove Empresario foi para Adrián López e Susana Basoa, de Gaman CrossFit.

Máis alá dos premios, a gala serviu para dar visibilidade ás 14 candidaturas participantes, que amosaron a diversidade e o dinamismo do ecosistema emprendedor da comarca, con propostas de diferentes sectores e modelos de negocio.
Na categoría de Iniciativa Emprendedora participaron Ángel Soto, con Golpe Store; Tania Castro, con Nevoa Jewelry; Carlos Lorenzo, á fronte de A Xaneira Cocktail Bar; Iris Cabezas, co proxecto A Bandada; Sergio Rodríguez, con Lembranzas de Néboa; Amanda Silva, con Volver a habitar la vida, e a gañadora, Asun Moreno, con Box Lady.
Pola súa banda, na categoría de Xove Empresario/a presentáronse as candidaturas de Paula García Otero; Jennifer Servia, con Housefulness; Lucía Mato, á fronte de Toquería; Lucía Armada, con Mouna Yoga; David Tojeiro, cos proxectos DT Autopto e Inertia Enxeñería; Alberto Niceto, de AN STRATO, e os gañadores Adrián López e Susana Basoa, de Gaman CrossFit.
A xornada concluíu cun cóctel nas instalacións do propio castelo, que reuniu persoas premiadas, participantes, representantes institucionais e profesionais de distintos ámbitos. Este espazo de convivencia favoreceu o intercambio de experiencias, a creación de novos contactos e a identificación de posibles sinerxías entre empresas e proxectos da contorna.

Con esta undécima edición, os Premios Ferrolterra Emprende reforzan o seu papel como escaparate do talento empresarial e como espazo de conexión para as persoas emprendedoras da comarca. Unha celebración que, ademais de recoñecer o traballo e a traxectoria dos proxectos participantes, contribúe a fortalecer os vínculos entre o tecido empresarial de Ferrolterra, Eume e Ortegal.