Emprender no Mar: Oportunidades de Futuro
O sector marítimo e o emprendemento volveron darse a man en Ferrol co foro “Emprender no Mar: Oportunidades de Futuro”, unha xornada organizada por AJE Ferrolterra que reuniu profesionais, emprendedores e persoas interesadas nas novas oportunidades ligadas ao mar.
Celebrado o pasado 14 de maio na Sala Curuxeiras, no porto de Ferrol, o encontro puxo o foco nos retos e posibilidades dun sector estratéxico para Galicia, abordando cuestións clave como a innovación, as normativas, a sustentabilidade ou a sanidade vinculada ao ámbito marítimo.
Un dos momentos centrais da mañá foi a presentación das oficinas ES•MAR con el apoyo de la Xunta de Galicia, da man de Begoña Serra e Brais Merino, asesores do proxecto, que explicaron os servizos de apoio e asesoramento dirixidos a persoas emprendedoras interesadas en desenvolver iniciativas relacionadas co mar.
Lonxe do formato tradicional de conferencia, o foro apostou por unha dinámica participativa. As cadeiras dispuxéronse en círculo para favorecer a intervención de todas as persoas asistentes, que tiveron a oportunidade de presentarse, compartir opinións e expoñer inquietudes e propostas de futuro para o sector. Esta fórmula converteu a sesión nun espazo aberto ao diálogo, ao intercambio de experiencias e á creación de conexións profesionais.
A xornada rematou cun almorzo networking no que continuaron as conversas arredor de novas ideas, posibles colaboracións e sinerxías entre proxectos, consolidando o evento como un punto de encontro para impulsar o talento e a iniciativa emprendedora en Ferrolterra.
Nun contexto no que a economía azul gaña cada vez máis peso en Galicia, encontros como este reforzan a importancia de crear espazos de colaboración capaces de transformar o potencial marítimo en oportunidades reais de futuro.